Inicio Turismo Patrimonio Histórico

PostHeaderIcon Patrimonio Histórico

FORTALEZA MEDIEVAL DE MANZANEDA

Aínda está presente non só nos seus vestixios, senón na estrutura urbana da vila que conserva a disposición característica da súa muralla exterior ou cerca, cuns 400 m de lonxitude, dos que se conservan actualmente sobre 100 metros, e 10 de altura nalgún punto. Permanecen en  bo estado bastantes tramos, entre eles  a Porta da Vila ou Arco, e varios dos seus contrafortes ou saíntes.

Ademais a Porta da Vila tamén posuía a Porta de Abaixo da que só queda un lateral, e a Porta Falsa que desapareceu.

Orixinariamente toda a muralla achábase rodeada por un foso, que levaba o nome "cárcava", que quedou fosilizado no topónimo "Cavarca".

Do castelo que se empraza na parte máis alta da Vila, só quedan restos da barbacá na que se observan tres troneiras de tipoloxía posterior ao s. XV, algún muro, así como columnas e capiteis dispersos, anacos de pedras de armas etc.

Testemuñas de importancia do conxunto defensivo e da súa magnitude, que debeu ser impresionante, son os moitos perpiaños,  doelas, anacos de columnas que se observan por todas as partes, ocluídos nas vellas construcións existentes na zona de  intramuros.

De orixe real, posiblemente do s. XII, as noticias escritas máis antigas remóntanse ao s. XIII. Posteriormente no s. XIV pasa aos Lemos ata finais do século XV que chegou a mans do Conde de Ribadavia manténdoa no seu poder ata a total desaparición dos señoríos no século XIX, sendo adquirida polos señores de Neira Gasset.

 

A CÁRCERE DOS SARMIENTO

Está situado en Manzaneda e pertenceu ao castelo, aínda que experimentou sucesivas reformas, que dificultan a súa datación. Áchase totalmente restaurada e presenta unha pedra de armas cos trece roeles dos Sarmiento e unha "seteira" sobre unha angosta escaleira.

 

IGREXA DE SANTA MARÍA DE CESURIS

Cesuris é un descanso no camiño dos peregrinos entre Manzaneda e As Ermidas. Dista duns sete quilómetros da capitalidade do municipio. A súa orixe é do século XI. Aínda que na súa maioría é obra barroca do século XVIII, e conserva na súa fachada unha portada que poderiamos catalogar como románica.

A cabeceira da igrexa é do século XVI,  igual que a capela oxival acaroada á cabeceira no lado do evanxeo,que serve de sancristía, e é a de maior interese pola súa fermosa bóveda de cruzaría,  que ostenta sostida por contrafortes exteriores.

Tamén son do século XVIII a nave, de bóveda de canón, e o brazo do cruceiro, ao carón da epístola. A epístola está realizada en estilo elegante e con sobria decoración xeométrica.

A nave comunica co  exterior por tres portas unha aos pés e as outras dúas enfrontadas entre si. Sobre a porta do norte, nun nicho, alóxase unha imaxe da Asunción da Virxe en pedra policromada.

A planta é de cruz con brazos desiguais. A nave está dividida en tres tramos por outros tantos arcos faixóns apoiados en pilastras.

Segundo a tradición, Cesuris foi un mosteiro dos templarios.

 

IGREXA PARROQUIAL DE SAN MIGUEL

"A igrexa que é motivo de gabanza en toda las parroquias veciñas, que falan do templo de Vidueira como se fose a Catedral das terras de Manzaneda (Fernández Oxea, "Ben Cho Sei", 1929).

Está situada a 8 quilómetros da capitalidade do municipio. É de obra recente, da primeira metade do século XVIII, e presenta unha certa monumentalidade que lle confire un notable atractivo. Da súa silueta destaca a torre de considerable altura. Está rodeada dun amplo adro con grandes muros de cantería de custosa execución sobre o que se asenta un vía cruces de pedra, do que se conserva unha cruz e varias bases doutras.

É dunha soa nave, aínda que debido aos seus dous corpos laterais, na cabeceira aproxímase moito á tipoloxía de tau. O interior da nave divídese en tres tramos, separados por arcos faixóns de medio punto, apoiados en pilastras laterais acaroadas ao muro. O arco de triunfo separa a a nave da capela maior.

Aos lados do presbiterio vense as capelas separadas tamén por arcos torales de medio punto sobre pilastras. A do norte alberga un retablo de dous corpos amparados por estípites dispostos en parellas, a cada lado, na parte baixa; arriba un relevo no que se atopa a Virxe entregándolle o rosario a San Domingos e a Santa Catarina. A do sur está dedicada a San Xosé, separada tamén por arcos torales de medio punto sobre pilastras.

A igrexa está cuberta por bóvedas de cruzaría sinxela nos tramos e capelas laterais, pero de cruzaría complicada no presbiterio. A clave da bóveda é de canón, ostenta un escudo cos trece bezantes do apelido Sarmiento correspondente ao Conde de Ribadavia. A tribuna aséntase sobre un arco escarzano que a súa vez está cuberto por unha bóveda de canón.

O exterior de construción é sobrio, aínda que elegante, e presenta na súa porta principal unha ampla escalinata. A porta sur, de decoración moito máis rica, barroca, é de gran beleza. Precédea tamén a correspondente escalinata.

 

EXPRIORATO DE SAN VICENCIO

Está situado nunha fermosa paraxe natural, e é de propiedade particular. Pertenceu ao mosteiro cisterciense de Carracedo do Bierzo. A súa construción distribúese ao redor dun patio central, a modo de claustro. Nun ángulo do edificio emprázase a capela.

Accédese a San Vicenzo pola estrada que parte de San Miguel, e dista a uns 3 quilómetros.

 

OUTROS MONUMENTOS.

- Igrexa da nosa Señora dos Remedios de Cernado.

- Capela da nosa Señora das Candeas de Palleirós.

- Igrexa de Santa María Magdalena de Reigada.

- Capela da nosa Señora das Neves de Bidueira.

- Igrexa de San Bartolomeu de Requeixo.

- Igrexa de Santiago Apóstolo de Placín.

- Capela de San Antonio de Trabazos.

- Capela de San Roque de Rebodepó.

- Capela de Santa Lucía de Cubeiros.

- Igrexa da Santísima Trindade de Borruga.

- Igrexa da nosa Señora dos Remedios en Langullo.

- Igrexa de San Marcos de Soutipedre.

- Igrexa de San Antonio de Paradela.

- Igrexa de San Martiño de Arriba.

- Igrexa da nosa Señora das Neves de San Martiño de Abaixo.

- Capela de Santa Engracia de Tonxil.

- Capela de San Amaro de Seoane.

- Capela de San Paio en Reigada.

 

PAZOS

- Casa da Pena en Rozabales.

- Casa dos Arias en Rozabales.

 

OUTROS

- Cruceiro de Rozabales (recente construción).

- A Torre dos Barcia.

- Fornos comunais para a elaboración do pan (existe un en cada lugar).

- Pomares (só existen nalgúns pobos como San Miguel, Reigada, Cesuris).

- Muíños de auga (a maior parte localízanse na canle do río San Miguel)