Inicio Turismo Manzaneda

PostHeaderIcon Manzaneda

SITUACIÓN

 

Manzaneda cos seus 650 metros de altitude está, xeograficamente,  situado entre o profundo encaixamento que forma o río Bibei polo leste. Ao sur fano os cumes da Serra de Queixa, que conforman un límite natural ao alcanzarse neles a Cabeza Grande de Manzaneda con 1778 metros de altitude. A Serra de Queixa é a Cabeza Grande de Manzaneda  conforman as altitudes máximas do Macizo Central Ourensán.

Manzaneda está situada na Galicia suroriental e, administrativamente, pertence á provincia de Ourense. Comarcal e xudicialmente pertence á Pobra de Trives. Eclesiasticamente pertence á diocese de Astorga.

Limita ao norte cos concellos da Pobra de Trives, Quiroga e Larouco. Ao sur limita con Vilariño de Conso e Viana do Bolo. Ao leste co Concello do Bolo, e ao oeste con Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río.

En canto ao relevo pódense diferenciar tres unidades morfolóxicas: a Serra de Queixa, A Chaira e o Val do Bibei. A Chaira é coñecida como superficie de aplanamento de manzaneda e, nela aséntanse as parroquias de Manzaneda, San Miguel… O Val do Bibei está conformado polos ríos San Lázaro e Requeixo (chamado tamén Río das Lamas ou San Miguel), e outros de menor entidade. Todos os ríos do Val do Bibei caracterízanse polas súas fortes pendentes e tributarios do río Bibei.

O marco a Manzaneda póñenllo os soutos de castiñeiros, entre o que se atopa o de maior perímetro de Galicia (13 m) declarado Monumento Natural pola Xunta de Galicia, xunto ao verdor da pradería, as touzas de carballos entre outra moita vexetación.

Manzaneda dista a 90 quilómetros da capitalidade da provincia, Ourense.

 

 

DEMOGRAFÍA

 

Manzaneda, do mesmo xeito que a maior parte da Galicia suroriental, viu decrecer a súa poboación desde principios de século, pasando dos 3283 habitantes no 1900, aos 1704, oitenta e seis anos despois, e os pouco máis de 1400 en 1996.

A poboación distribúese de forma moi desigual, cunha diferenza clara entre a serra, a superficie de aplanamento e as bocarribeiras. O mesmo nivel de condicionamento obtense ao observar a poboación. Trátase dunha rexión con predominio da aldea polinuclear, de poucos barrios afastados entre si.

O hábitat, atópase concentrado en lugares moi determinados: cabeceiras de val, vales, bocarribeiras, buscando os lugares máis aptos para o emprazamento das vivendas e para os cultivos. O resultado é unha poboación dispersa, carente de núcleos reitores, aínda que hoxe existe un achegamento comercial.

O Concello de Manzaneda está constituído por 30 núcleos de poboación (repartidos nos seus 112 quilómetros cadrados,  que á súa vez se agrupan en 9 parroquias.

- Parroquia: CERNADO (Santa María). Lugar: Cernado.

- Parroquia: CESUIRIS (Santa Maria). Lugar: Borruga, Cesuras, Cubeiros, Langullo, A Madroa, A Mata, San Paio, San Pedro.

- Parroquia: MANZANEDA (San Martiño). Lugar: Manzaneda, O Poboado.

- Parroquia: Paradela (Santo Antonio). Lugar: Paradela, Prada.

- Parroquia: PLACÍN (Santiago). Lugar: Placín, Tonxi e Trabazos.

- Parroquia: REIGADA (Santa María Madanela). Lugar: Reigada, Palleirós e O Vao.

- Parroquia: REQUEIXO (San Bartolomeu).  Lugar: Requeixo

- Parroquia: SAN MARTIÑO DE MANZANEDA. Lugar: Cimadevila, A Corredoira, A Pena, Rozavales, San Martiño, Seoane, Soutelo e O Souto.

- Parroquia: SAN MIGUEL DE BIDUEIRA. Lugar: Bidueira, San Miguel e San Vicenzo.

- Parroquia: SOUTIPEDRE. Lugar: As Escadas, Rebodepó e Soutipedre.



 

ASPECTOS ETNOGRÁFICOS

O museo etnográfico está centrado, fundamentalmente,  na recuperación artesanal do liño en San Miguel de Bidueira,  e está promovido polo Centro Cultural da localidade.

Xogos tradicionais como o dos bolos en Soutipedre, Borruga, San Miguel…

 

ASPECTOS HISTÓRICOS

Se fixeramos unha síntese histórica, poderiamos fixar a presenza da nosa comarca no paleolítico, baseándonos no recente descubrimento de abundante material tallado.

O megalitismo tamén ten presenza no territorio, boa proba diso é a existencia de paraxes como o chamado Marco Cavado, cunha altitude de 1.640 metros, que pode considerarse coma o túmulo megalítico, mámoa, emprazado a maior altitude en toda a xeografía galega.

Como testemuñas da época de bronce contamos cos gravados existentes na zona alta de Manzaneda, a 1774 metros de altitude.

Tamén hai manifestacións da cultura castrexa. Nestas terras atópanse: O Castro de Requián en Soutipedre, A Medorra en Raigada e O Castrillón en Manzaneda.

VIDA ECONÓMICA

A agricultura e a  gandería constitúen o motor económico do concello de Manzaneda. Teñen especial importancia  o cultivo da vide e do castiñeiro. Existen pequenas empresas transformadoras,  entre elas dúas de clasificación e envasado de castañas en fresco. 

VIDA SOCIAL

Xuventude:

  • Banda Municipal de Gaitas.
  • Club sporting Manzaneda, F.S.
  • Actividades Deportivas e culturais.

POBOACIÓN

* 1 203 habitantes.

EXTENSIÓN

* 112 quilómetros cadrados.