A Ruta ambiental dos Vales Glaciares de Manzaneda percorre unha grande parte da Serra de Queixa, no Macizo Central ourensán (declarado Zona de Especial Conservación, ZEC). Os seus camiños intérnante de cheo nun territorio de alta montaña protexido e recoñecido pola Rede Natura 2000 como unha zona de alto valor ecolóxico.
Mapa e perfil da ruta
- Consulta a ruta en Google Maps.
- Descarga os tracks GPS:
Datos técnicos
Descrición
A Ruta ambiental dos Vales Glaciares de Manzaneda é unha ruta repleta de vistas abraiantes e pegadas do pasado. Camiños percorridos dende tempos inmemoriais polos habitantes dunha serra antes moito más poboada, con pastores que deixaron nela -e aínda deixan- mostra do seu enxeño para sobrevivir nun medio tan agreste.
É o caso dos curros para gardar o gando pola noite, e tamén dos estantes: homes de pedra que fican estoicos fronte ás inclemencias e o paso do tempo.
Hai entre 50.000 e 10.000 anos un glaciar esculpiu a paisaxe que vemos agora e deu orixe ao rico ecosistema actual, protexido como Rede Natura 2000 ZEC Macizo Central. A ruta comeza na zona que estivo ocupada polo casquete do glaciar, que será a máis alta do percorrido). Dende aquí teremos grandes vistas aos vales glaciares que formaron as linguas de xeo ao erosionar as rochas ao seu paso.
Primeiro descenderemos ao val de Prada, cun espectacular perfil en U. Despois un duro ascenso levaranos ao val de As Aguilladas, de grande beleza glaciar aínda que máis pequeno que o anterior. O tesouro deste val é a Lagoa Grande, ecosistema lacustre nun delicado equilibrio ecolóxico.
Ascenderemos dende aquí ata o punto de inicio acompañados por morenas e pegadas glaciares, así como por panorámicas que poden chegar ata as montañas de Trevinca e O Courel en días claros.
É moi ampla a historia natural destas serras, e tamén a humana, que data de hai varios miles de anos. Preto do fin da ruta existe un desvío ata o campamento romano de Penedos do Lobo que, aínda sen escavar, causa asombro ao revelar a presenza de culturas antigas nunha serra tan ruda, e á vez tan fermosa.
Recomendacións
- Leva comida, bebida e roupa/calzado axeitados á actividade e á meteoroloxía.
- O percorrido crúzase con outras rutas. Mantén a atención na sinalización.
- Non entres en construcións en ruínas que podas atopar no camiño.
- Non fagas lume. Se ves un incendio, chama ao 085 (Aviso de Incendios Forestais).
- Non tires lixo. Lévao e deposítao en colectores axeitados.
- En caso de emerxencia, chama ao 112.