A paisaxe da Serra de Queixa, e que te acompaña toda a ruta, non é froito da casualidade. Principalmente é resultado dos procesos xeolóxicos que actúan nela dende hai millóns de anos. Un dos máis relevantes tivo lugar hai entre 50.000 e 10.000 anos, tempo en que un arrefriamento climático en Europa provocou a acumulación de neve en forma de xeo ata orixinar un glaciar de extraordinaria forza erosiva.

As pegadas do glaciar na paisaxe
O casquete de xeo do glaciar atopábase na planicie superior do macizo, sobre o val de As Aguilladas e o de Prada. Ao sobrepasar a súa capacidade, o xeo descendía en linguas por vales que xa existían previamente á glaciación.
1.- O circo glaciar, con forma de anfiteatro, é o lugar onde se acumulaba o xeo que alimentaba á lingua. O seu poder abrasivo deu formas arredondadas ás rochas.
2.- Ao avanzar, a lingua erosionaba tanto o fondo do val como as ladeiras. Por iso un val glaciar ten forma de U, cun fondo moi chairo.
3.- A lingua transportaba sedimentos de todo tamaño e forma, depositados caóticamente ao fundirse o glaciar.
Onte glaciar, hoxe fonte de biodiversidade
Outra das pegadas do glaciar son as cubetas, orixinadas por un efecto de retroescavación do xeo sobre rochas con menor resistencia que as de ao redor. Coa retirada do glaciar hai 10.000 anos estas depresións enchéronse de auga, e forman na paisaxe actual ecosistemas lacustres moi fráxiles e vitais para a biodiversidade da serra.

Coñece máis da ruta
Descarga o track da ruta
- Ruta ambiental dos Vales Glaciares de Manzaneda.
- Enlace Estación de Montaña.
- Derivación Penedos do Lobo.