Ruta ambiental dos Vales Glaciares de Manzaneda – A vida na serra

Dende tempos inmemoriais a humanidade atopou nesta serra un lugar excepcional para alimentar ao gando. Con todo, aproveitar estes pastos non é doado. As condicións climáticas son moi duras, con choiva e néboas aínda en verán, e é prioritario marcar os camiños cara a aldeas, campos e curros para non se perder. E dende eses tempos remotos, os encargados da tarea son os estantes ou homes de pedra.

estante a mosenda - ruta ambiental vales glaciares manzaneda
Estante de A Mosenda

Solitarios e impasibles guías na montaña

Hoxe estamos a piques de perder a memoria, pero non debemos esquecer que en tempos pasados, cando a vida era outra, os camiños nesta serra tan grande eran moitos e moi transitados. Extraviarse era moi doado, máis con neve ou néboa, e tamén moi perigoso.

Os estantes naceron nalgún momento da historia para evitalo. Xeracións de pastores transmitiron a sabedoría para construír torres que resisten ergueitas ventos e neves, pedra sobre pedra. Non hai dous iguais, e así o camiñante distingue o camiño aínda con baixa visibilidade. Arriba podes ver un, o que orienta ao curro de A Mosenda.

Polo seu cometido e sentido orixinal, non os tentes replicar na serra.

pastos-encoro-cenza-ruta-ambiental-vales-glaciares-manzaneda
Pastos na contorna do encoro de Cenza

Unha paisaxe de ricos pastos que aínda hoxe son aproveitados

Na contorna dos curros de A Mosenda extendíase o casquete do glaciar da Serra de Queixa. A erosión daquel xigantesco acúmulo de xeo creou esta chaira de contornos suaves e pastos de grande calidade, aínda que os mellores, din, quedaron baixo o encoro de Cenza. As inclemencias castigan este lugar todo o ano, pero sempre pagou a pena o esforzo para aproveitar pastos tan bos.

Na serra aínda hai pastores que suben co gando todo o verán, e camiñan por ela cada día na busca dos mellores pastos. Como hai séculos, pola noite gardan as reses no curro. Antes, no de A Mosenda durmían ao menos 1000 cabezas. Hoxe, os pastores que aínda seguen os camiños dos homes de pedra non suman no curro máis de 300.

curro-a-mosenda-ruta-ambiental-vales-glaciares-manzaneda
Curro de A Mosenda

Coñece máis da ruta

Descarga o track da ruta