Ruta ambiental dos Vales Glaciares de Manzaneda – Aldea de Prada

Prada foi unha aldea pertencente á parroquia de Paradela. En tempos que xa non se lembran ficou as súas raíces neste val a 6 km da poboación máis próxima, e aquí se mantivo xeración tras xeración ata o seu final abandono. Durante séculos a veciñanza aproveitou os pastos excepcionais da zona, pero a incomunicación e a falta de luz e auga corrente propiciaron que os seus dous derradeiros habitantes a deixaran nos anos 70.

vacas-prada-ruta-ambiental-vales-glaciares-manzaneda

A esforzada vida na montaña

En Prada as casas, as poldras e as cores mostran unha paisaxe bucólica da serra que xera morriña polo despoboamento dun lugar tan fermoso. Con todo a vida aquí era moi dura, con invernos de illamento absoluto: chegábase incluso a non poder cruzar o rego cara ao outro lado da aldea.

Prada vivía por e para a gandería, con inmensos prados no val escavado polo glaciar. As hortas de labor situábanse na propia contorna perimetral da aldea.

Finalmente, coa chegada da vida moderna a veciñanza partiu cara a un futuro mellor, mais sempre co recordo dunha aldea na que todos colaboraban para saír adiante.

A arquitectura dunha aldea de montaña

A sabedoría tradicional soubo adaptarse o mellor posible á dura vida dunha aldea illada na serra. En Prada podemos atopar exemplos desta sabedoría na súa arquitectura tradicional: vivendas de ventás pequenas e potentes muros, e construcións agrupadas para aforrar espazo e protexerse unhas a outras das fortes inclemencias do tempo.

Un paraíso natural de alta montaña

Os arredores de Prada teñen un altísimo valor natural. Aquí podemos atopar unha zona de turbeira natural: humidal de orixe glaciar no que se acumulou materia orgánica máis ou menos descomposta, coñecida como turba de auga doce. As turbeiras son áreas de grande importancia ecolóxica, mais pola acción das persoas e o gando poden verse afectadas ata desaparecer. Por iso é necesario protexelas.

Coñece máis da ruta

Descarga o track da ruta